A presentadora Nieves Rodríguez estará en Muxía para vivir, xunto a milleiros de persoas, unha xornada marcada pola devoción, os rituais nas milenarias pedras dos arredores do santuario e a gran procesión na honra da Virxe. As reporteiras Ariadna Leis e Belén Rivero tamén irán a Muxía para coñecer a historia desta gran romaría. Ademais, falarán con ducias de fieis que acoden ata o santuario da Barca para pedirlle favores á Virxe.   Como non podería ser doutro xeito, "Vaia Troula" tamén seguirá con especial interese a romaría dos Milagres de Amil, no concello de Moraña. As cámaras do programa tamén estarán presentes na romaría da Virxe dos Remedios de Ourense, na Festa da Empanada de Carral, e na incrible Noite Meiga do Barqueiro, en Mañón. O San Roque do Monte de San Miguel de Deiro, en Vilanova de Arousa, as festas patronais de Fisterra e a divertida Festa do Viño do Pelete, no concello da Lama, completan o menú trouleiro do programa deste domingo.