"Vaia Troula" viaxa ata Pontevedra para vivir as Festas da Peregrina. A presentadora Nieves Rodríguez está na cidade do Lérez para gozar da música, dos desfiles e da paixón dos pontevedreses por unha celebración cargada de actividades. Mentres, a reporteira Belén Vara viaxa ata Ribadumia para participar nunha nova edición da Festa do Pan do Salnés. Ariadna Leis vai a Bueu, onde celebran un ano máis a Festa do Polbo. E Belén Rivero é unha máis no Desfile de bandas mariñeiras que celebran no concello da Guarda, como parte das festas do monte. As cámaras de "Vaia Troula" tamén están presentes na orixinal Carreira de burros de Escairón, no Saviñao, na Romaría de San Nomedio, no concello das Neves, no Día do turista de Mondoñedo, e na exaltación do mexillón e o berberecho de Vilanova de Arousa. A celebración de San Lourenzo de Tállara, en Lousame, as Festas de Santa María de Vigo, en Cambre, e a Romaría de Neixón, no concello de Boiro, completan o menú trouleiro.