Nieves Rodríguez, acompañada das reporteiras María Blanco, Ariadna Leis e Belén Vara, achega aos fogares a diversión dunha morea de troulas.
Nesta primeira entrega do verán, Nieves Rodríguez saúda os espectadores dende Ourense, onde celebran a tradicional Batalla de Flores, que cada ano congrega milleiros de persoas nas rúas da cidade das Burgas.
María Blanco está na parroquia de Tremoedo, en Vilanova de Arousa, para celebrar o San Pedro cunha procesión, chocolate e baile para todos os veciños.
Ariadna Leis asiste ao xa tradicional Asalto ao Castelo do concello coruñés de Vimianzo, unha recreación histórica en que participan nenos e maiores e en que nunca falta o bo humor.
Belén Vara vive en Cambados a Festa do Xurelo.
"Vaia Troula" percorre tamén a Festa Castrexa do concello lugués de Burela, o Feirón Medieval dos Andrade de Pontedeume, as Festas de San Paio da Estrada, a gran sardiñada de Ponte do Porto, no concello coruñés de Camariñas, e a Festa do Escalo do Ulla, en Vedra.