“Unha viaxe para contar” percorre todos os recunchos da comarca de Valdeorras, da man da xornalista Marta Doviro. Xunto ao montañeiro “Cholo”, móstranos as montañas e vales de Pena Trevinca, escenario da lenda da “Lagoa da Serpe”. Ademais, visita as ruínas das minas de wolframio, que estableceron os nazis nesta zona na Segunda Guerra Mundial. Na vila máis importante da contorna, o Barco de Valdeorras, Marta fai un paseo en piragua na compaña de Fernando García. Tamén visita outro dos emblemas da cidade, a Torre do Castro. No apartado gastronómico, a cociñeira Pura prepara cabrito ao forno, unha das especialidades da comarca. Xa noutro concello, en Vilamartín de Valdeorras, coñecemos a cultura vinícola e mais a súa afamada Festa das Covas. Para rematar, Marta Doviro lévanos ao Santuario das Ermitas e fala cos pastores.