Na baía de Ferrol constrúense buques desde hai máis de trescentos anos. Navantia converteuse por méritos propios nun referente mundial no deseño e construción de buques militares e civís dotados de alta tecnoloxía. Segundo din os expertos, só a enxeñería aeroespacial supera en dificultades a construción naval. Hoxe mergullarémonos neste universo apaixonante, onde miles de persoas e despois de millóns de horas de traballo conseguen que estes xigantes suquen os mares. Imos ver como se constrúe un dos buques militares máis avanzados do mundo!