Na busca de novos concursantes que amosen os seus fogares a cambio de poder gañar ata 1.000 euros, “Todo Queda na Casa” viaxará ata Guitiriz e Boiro. Nesta nova entrega, Eva Iglesias atopará dúas anfitrioas, de senllas casas familiares, do mellor. Facendo gala do mellor sentido do humor e da ilusión por gañar uns cartiños, as dúas concursantes deixarán que as cámaras da TVG entren nas súas vivendas e amosen a decoración e obxectos que hai nas diferentes estancias. Elas, pola contra, para facerse co premio só deberán demostrar o coñecemento que cada quen ten dos seus espazos.Pero, levará nesta ocasión algunha o premio dos 1.000 euros? En “Todo Queda na Casa”, calquera cousa que estea á vista do equipo do programa é susceptible de se preguntar, coa intención de que nalgunha casa galega se poidan levar o galardón.