Durante séculos as feiras e os mercados medievais foron o lugar inescusable de comercio dos galegos. Alí a mercadoría pasaba dunha persoa a outra, ben por troco, ben por compra-venda. E non había facturas, a palabra dun valía tanto coma calquera documento. Xa entrado o século XX as feiras tenderon a especializarse ben con pitos, ben con porcos, con vacas ou con cabalos; pero sempre contaban con lugares para xantar, principalmente o polbo á feira. A vida nas cidades e vilas obrigou a preparar lugares especiais para o mercado diario, as prazas de abastos, que vendían alimentos do campo, pero tamén do mar. Seguíronse celebrando feiras e mercados, algúns con carácter semanal ou mensual, pero coa proliferación do pequeno comercio, sobre todo de pezas de roupa, os mercados quedaron relegados á venda ambulante.