Unha volta por Galicia ensínanos a evolución que durante milenios tiveron as construcións na nosa terra. As básicas para sobrevivir no mundo físico e mellorar a calidade de vida, e as espirituais que expresan as crenzas dun pobo ou a súa sensibilidade artística. A paisaxe de Galicia combina as cores do mar, a montaña e as pedras que locen nas súas construcións. Son eses marcos os que ofrecen distintas tonalidades de azul, verde e gris xerando unha visión única. Nin sequera o "feísmo" de décadas pasadas puido estragar o traballo da natureza e dos nosos antepasados. Agora, cunha maior conciencia, parroquias, aldeas e cidades camiñan cara ao futuro dun xeito máis comprometido co medio ambiente, a nosa saúde e seguridade.