Os espectadores verán o mundo a través dos ollos de Pablo e Pedro, dous mozos con Síndrome de Down, que serán protagonistas e presentadores deste espazo televisivo. Os dous protagonistas compartirán cos espectadores a súa paixón pola gastronomía, Pedro e Pablo pasarán polos fogóns dos restaurantes A Estación, en Cambre, e Culler de Pau, no Grove, ambos os dous con Estrella Michelín, e visitarán o Mercado de Lugo e a Praza de Abastos de Santiago. Ademais, aprenderán a facer queixo na granxa-escola A Casa do Queixo, en Sobrado; recollerán mexillón nunha batea da ría do Grove e catarán un albariño elaborado coas uvas das viñas do Pazo de Fefiñáns. Por último, aprenderán a facer unha auténtica pizza italiana no Centro Superior de Hostalería de Galicia.