O pasado sempre volve e Diego descubrirao no último episodio desta temporada de “Serramoura”. Despois de que Quique e Patri utilizasen a identidade de Diego para abrir un perfil nunha rede social, Darío, un perigoso narcotraficante e antigo amigo do sarxento, presentouse na vila para saldar contas e se Diego non colabora, o seu pasado sairá á luz e acabará coa súa carreira.  Pero as ameazas de Darío tamén afectan a súa contorna: Marga, Quique, Tomás, Moncho e Raquel corren un serio perigo. Diego non terá máis remedio que enfrontarse ás súas pantasmas, aínda que para iso terá que tomar decisións moi complicadas.   Mentres tanto, Santos ten como obxectivo salvar a Emilia das mans do Mensaxeiro, o perigoso sicario que campa ás súas anchas por Serramoura. Ante esta situación límite, Santos vese obrigado a recorrer a Evaristo Fiúza para poñer en marcha o seu plan de rescate. Serán capaces de colaborar xuntos?