O programa “Que Casas!” da Televisión de Galicia visitará hoxe unha vivenda ateigada de placas que reflicten o carácter viaxeiro do seu propietario, outra cun xardín en que loce un gran comedor recuberto de roseiras e outra cunha fachada de zinc que contén fiestras agochadas. Os reporteiros tamén visitarán unha morada que conta coa súa propia capela e outra en que os espectadores poderán ver, entre moitas outras cousas, unha colección de láminas de Castelao. Os destinos xeográficos serán Oza-Cesuras e Valdoviño, na Coruña; O Milladoiro, nos arredores de Santiago de Compostela, e Silleda, en Pontevedra.