“Que Casas!” estará hoxe co decorador de interiores Marcos Martínez, que lles ensinará aos espectadores da TVG o seu ático na vila luguesa de Sarria, onde agocha unha marabillosa piscina interior cunhas vistas impoñentes dos seus arredores. Aínda que pareza centenaria, a seguinte vivenda que coñecerá “Que Casas!” foi erguida hai escasos 20 anos na baía de Baiona polo pai de Lorenzo López, buscando asemellar a construción á dun tradicional pazo galego. Desde aquí o programa viaxará ata As Pontes de García Rodríguez, onde Suso presentará a súa casa de estilo moderno totalmente decorada pola súa dona. No centro da cidade de Vigo, “Que Casas!” atopará a Casa Matrioska, deseñada polo arquitecto Enrique Gil, que deseñou a súa construción a través de diferentes espazos que se conteñen uns aos outros. Finalmente, o espazo da TVG terá que viaxar só un pouco máis ao sur, á vila de Tui, onde Clara vive na casa de estilo americano que construíu o seu pai nos anos 20.