O percorrido comezará hoxe no concello de Sanxenxo con Alicia, a decoradora dunha vivenda de estilo contemporáneo con dúas enormes terrazas orientadas á ría de Pontevedra. No concello de Nigrán, o programa visitará a José María, que amosará a súa tradicional casa mariñeira á beira da enseada de Baiona. E da costa ao interior, a viaxe de “Que Casas!” continuará en Palas de Rei, onde os espectadores coñecerán a Suso, un bilbaíno fillo de emigrante que retornou ás súas orixes e rehabilitou unha casa labrega de pedra que data do século XVIII. En Oleiros, Antonio convidará o equipo do programa á súa casa rodeada dun gran xardín con piscina ao bordo da ría do Burgo, con visión directa da Torre de Hércules. No concello pontevedrés de Gondomar, “Que Casas!” atopará a Carlos, un home de 90 anos que habita un extraordinario pazo que mercou nos anos 70 e leva conservando desde entón.