O programa “Que Casas!” da Televisión de Galicia viaxará ata a parroquia de San Vicente do Grove para coñecer a José Luis, un biólogo ex-mariño cunha espectacular vivenda de planta circular contornada por piñeiros. En Monforte de Lemos os reporteiros acompañarán a Estel Ortega, unha arquitecta nada en Barcelona e filla de emigrados, que retornou á súa terra para transformar unha antiga adega nunha casa de pedra que combina as modernas formas de construción coa tradición arquitectónica oriúnda da zona. Os espectadores tamén coñecerán a outra arquitecta, a coruñesa Carina Pumar, que deseñou o interior dunha moderna vivenda na parroquia viguesa de Coruxo con vistas ás illas Cíes. A poucos quilómetros de distancia chegará a última parada do programa, no concello de Baiona, onde Ángela presentará a casa de seus pais, composta por dúas antigas casas de granito hoxe unidas por unha bufarda interior.