Retransmisión en directo da “Procesión do Cristo da Victoria”, desde Vigo, con comentarios de Moncho Lemos, que está acompañado de Alberto Cuevas, director de prensa da diocese de Tui-Vigo. A procesión celébrase o primeiro domingo de agosto e reúne milleiros de persoas, desde a concatedral de Santa María ata a Porta do Sol, onde remata. Tradicionalmente, relaciónase este evento coa vitoria sobre as tropas napoleónicas que invadiron a cidade no 1809. Neste especial da “Procesión do Cristo da Victoria” hai ocasión tamén de falar sobre os persoeiros famosos que cada ano acoden a esta cita, ou as personalidades que forman parte do acto. Este ano, Victoria Besada Montenegro, directora do Centro Oceanográfico de Vigo, é a primeira muller pregoeira na historia desta festividade, mentres que Luis Lara Rubido, ex-director do Porto de Vigo, encárgase de portar o estandarte durante o percorrido.