A batalla polo pazo entre Emilio e Carlos terá un desenlace no capítulo de hoxe de “Pazo de Familia”. No pulso que veñen mantendo nos últimos episodios só pode haber un vencedor, e ese será quen consiga quedar coa casa familiar dos Pardo -Veiga. A Emilio non lle faltan motivos para querer botar a Carlos, posto que cada vez ten máis claro que o secuestro da súa filla é responsabilidade do seu eterno inimigo. Porén, el ameaza con denunciar a Emilio á Policía por intento de asasinato. Semella que nin Sara confía xa no maior dos Pardo - Veiga, pero a este quédalle aínda unha última carta por xogar, que os espectadores descubrirán ao longo deste episodio. O que suceda determinará se Emilio volve ser visto polos seus coma o cabeza de familia.