Saen á luz moitas verdades que os protagonistas querían agochar. Para Mónica non é un segredo que Carlos e súa nai están envoltos nunha grande operación de narcotráfico. Que fará Emilio cando el o saiba? Isto non é o único que descobre o Pardo Veiga. Unha conversa de Moncho propicia que volva investigar a quen di ser marido de Sara e a ela non lle queda máis remedio que contarlle a verdade sobre o seu misterioso casamento. Ademais, o atropelo de Eva tráelle consecuencias en forma de chantaxe.  Claudia, que empeza un curso para formarse como empresaria, coñece un peculiar compañeiro de aula. Mentres, o coitado de Tomaso está convencido de que Marisiña lle pon os cornos con don Carlos e non dubida en facer valer o seu honor de marido.