O párroco de Santo Antonio de Louredo, don Perfecto, é un home de hábitos moi saudables e aparentemente está san coma un buxo. Pero o resultado dunhas análises rutineiras dálle uns valores bastante altos, polo que o párroco de “Padre Casares” terá que facer máis cousas que paseos en bicicleta para loitar contra o colesterol.  A primeira problemática vén cando ten que apañarse para convencer a Amelia, sen ofendela, de que lle prepare pratos máis saudables. A boa man na cociña da gobernanta da casa reitoral ten moita sona en Louredo, pero ata os pratos máis suculentos fan estragos nos corpos máis sans e don Perfecto xa non está para almorzar un prato de fabada.