As aventuras e desventuras dos habitantes de Santo Antonio de Louredo volven este domingo á TVG cun novo capítulo de “Padre Casares”. Nesta ocasión, a vila semella ter un punto negro de tráfico na súa rede de estradas. Os últimos en accidentarse foron unha banda de ladróns, que xa é mala sorte. Miñato, encargado de limpar o escenario dos feitos, coincidirá alí con Perfecto, que aproveitará a ocasión para darse o pertinente mocazo, aínda que en bicicleta, que non é tan daniño pero si igualmente doloroso.        Socorrido polo chapuzas de Louredo, ambos os dous atoparanse con algo inesperado: unha bolsa chea de cartos, que resulta ser o botín perdido dos delincuentes. Sen ninguén que reclame o tesouro, agora só queda decidir que facer con el. E, mentres o deciden, son conscientes de que a súa única oportunidade é conseguir que o seu achado quede en segredo, cousa imposible en Louredo. Axiña a noticia correrá como a pólvora e serán moitos os voluntarios para quedar cunha parte do botín.