A serie “Padre Casares” ofrece esta noite un novo capítulo, titulado “Conta atrás”. Mentres a prensa lle dá eco á visita de Delmiro ao programa “Luar”, Conchita ve medrar a súa furia contra os habitantes de Louredo. E é que, a dous días da temida unificación, a vila comeza a recibir numerosas mostras de apoio.   Pero a alcaldesa non permitirá que o seu plan se frustre cando a vitoria está tan preto, polo que ordenará o peche das fronteiras de Louredo. Ningunha persoa que non figure xa no censo da vila poderá entrar en territorio louredés. Desta maneira, ninguén debería chegar a tempo ás oficinas municipais a depositar solicitude ningunha de empadroamento.   Pola súa banda, e liberada xa da ameaza da lei, Elsa prosegue a súa historia de amor con Damián. O problema é que calquera mostra de afecto entre a parella será rexoubada, de maneira esaxerada, polos veciños. Ata chegar a don Crisanto que, temeroso de que “se comuniquen demasiado”, decidirá tomar cartas no asunto.