Maite está moi preocupada pola pastora, que pasa as tardes nun banco da rúa esperando a Damián, pero el nunca aparece. Tras falar con don Crisanto, será este quen se interese pola muller e vaia falar con ela. O que non sabe o sacerdote é que Damián lle deixou unha carta a Elsa onde lle explica o motivo da súa marcha, unha carta que afianzou a pastora na súa decisión firme de esperar o retorno do seu amado. Pero o frío aumenta e os veciños de Louredo están moi preocupados pola saúde de Elsa. A única solución pasa por pescudar onde está Damián. Pero, quen será capaz de dar co músico rueiro? Nun principio, todos botarán balóns fóra, escudándose na dificultade da misión. Pero  as mulleres de Louredo saben como manexar os seus homes para conseguir o que queren. Con todo, para levar a cabo o seu labor, necesitarán un retrato do desaparecido e, a falta de fotos de Damián, non quedará outra que organizar un concurso de retratos robot.