Alguén lle enviou un misterioso agasallo a Delmiro. A sorpresa chegará cando o primeiro edil se decate de que se trata de Conchita de Tapeirán. Intento de achegamento? Proposión de paz? Por suposto que non. A intención da súa eterna inimiga será a de sempre: provocalo.    Para Delmiro, tenso pola situación política do seu municipio, será a pinga que colme o vaso. Obsesionado co seu duelo político, o alcalde verá a súa opositora en todas partes. Conchita logrou coarse nos seus soños e, noite tras noite, torna en pesadelo todo simulacro de descanso. Poderá Delmiro desfacerse da causa dos seus desvelos?    Mentres tanto, Elsa converteuse na maior preocupación das súas veciñas. E é que a pastora de Louredo non sabe mocear. A súa inexperiencia no amor é, a ollos das súas amigas, a razón pola que a súa relación con Damián non acaba de arrancar. A cuestión converteuse nunha prioridade para as mulleres e ata o mesmo don Crisanto tomará cartas no asunto.