Os medios de comunicación déronlle eco á noticia: se Louredo non chega aos mil habitantes antes das eleccións, Delmiro atravesará espido a praza maior da vila. Por agora, as apostas dan como favorita a Conchita de Tapeirán, e non son poucos os traidores que, aínda sendo veciños de Louredo, apostan pola candidata anexionista. Que unha cousa é ser de Louredo e outra non ver claro o cabalo gañador... Pero Delmiro é un home íntegro e curtido no campo de batalla, un político de raza, que sabe que cando un corre espido, a máis velocidade, menos humillación. Por iso, o aínda primeiro edil adéstrase sen descanso para converterse no alcalde máis veloz da comarca. E ante a capacidade de previsión do seu marido, que ocupa todo o seu tempo, a Moncha non lle quedou máis remedio que facerse cargo da alcaldía. A primeira dama urdirá un plan, aparentemente infalible, para levar Louredo outra vez á categoría de concello: a colonización inversa...