Os nosos sabios nace como un espazo con vocación de servizo público que pretende achegar aos telespectadores algunhas das personalidades máis notables da comunidade galega. Unha xanela aberta ao coñecemento e as vivencias daqueles galegos que fixeron historia nas disciplinas máis diversas. Persoas cunha envexable memoria a longo prazo que, pola súa idade, o seu esforzo persoal, a súa formación, o seu traballo e a súa actitude positiva ante a vida, representan hoxe un exemplo para todos. Mediante entrevistas meticulosamente preparadas, cada semana contaremos co testemuño dun personaxe que supere os 70 anos de idade, que sobresaíse no seu ámbito profesional e que contribuíse ao progreso social da comunidade, do país ou da Humanidade.