En Pontevedra, os Vigo Vázquez son uns pais que acaban de estrearse como tal cheos de ilusión. El é o que se ocupa das tarefas da casa e ela traballa fóra, pero xuntos educan na igualdade o pequeno Leo. En Ourense, os Fernández Quintela son unha parella nova con fillos pequenos que empregou todas as técnicas inimaxinables para conseguir a parelliña. Ademais, “Onde Collen Dous” coñecerá os avós máis novos de toda a cidade.  En Taboada (Lugo) viven os Vasile, unha familia romanesa que se adaptou á nosa terra e á nosa lingua en tempo récord. Os poucos veciños do lugar están encantados cos tres nenos pequenos da parella, os únicos da contorna. O programa de hoxe pecharano os Riveiro Espiño, unha gran familia que fai o imposible por xuntarse para comer polo menos unha vez á semana! Avós, pais, fillos, netos e, como non, os cuñados!