Un equipo do programa desprázase ata a provincia da Coruña, concretamente a Culleredo, para coñecer os Testa Iglesias, que hai pouco máis de dous anos que se converteron en pais coa chegada da pequena Valentina. Na Bandeira viven os Fernández Casal, unha familia moi unida e folclórica, pois todo o mundo menos a avoa pertence ao grupo Xirandola de baile tradicional. Manolo e Maite conviven coa nai e a irmá de Maite e xuntos están pendentes do pequeno Mateo ao que día e noite lle hai que controlar o azucre debido á súa diabetes. En Sanxenxo vive a familia García Gómez. O plan de Leticia e Jorge cambiou para sempre o día que chegaron Tristán e Adrián. A vida cos mellizos e co seu irmán Isaac é puro rock´n´roll. A familia Rodríguez Magallanes vive na Gudiña. Está formada por Nuria e Raúl e os seus catro fillos; os dous maiores, froito dunha anterior relación de Nuria. Están tan unidos que non se separan nin para durmir.