O primeiro destino da viaxe que se realizará esta noite levará o espazo ata a praza de abastos de Portonovo, na costa pontevedresa, onde vive a familia Escudero Alarcón. O de Loli e Rodrigo non foi un frechazo, pero si que é unha verdadeira historia de amor. Xuntos viven cos seus tres fillos, dous deles dunha relación anterior de Loli, e coa avoa Esperanza. Se hai unha historia que abrandará os corazóns de todos os galegos esa é a de Christian, un neno de 10 anos que vive cos seus avós, Antonio e Pilar, en Santiago de Compostela e que fai deles un pandeiro. Hoxe descubrirase como os Albor Mosquera sacan forzas para seguirlle o ritmo a este pequeno. Os Faggiolini son un clan de arxentinos que levan dous anos residindo en Galicia por motivos familiares. Desde Miño, Nicolás e Eugenia abrirán as portas da súa casa para amosar como se organizan a diario na busca de traballo e ver como conviven os seus nove membros.