En Santiago de Compostela, milleiros de persoas viven da hostalería . A chegada da covid-19 pillounos case volvendo das vacacións, pois o sector libra normalmente en inverno. Cando comezou o estado de alarma estaban xa preparando a tempada forte, a de verán. E estes días deberían ser, precisamente, dos máis concorridos da tempada estival... Pero aínda moitos están reorganizando horarios e cadros de persoal, porque a chegada de clientes vén amodiño. Confían en que a reapertura de fronteiras e do Camiño de Santiago, a chegada de peregrinos e de turistas tamén internacionais, lles axude a salvar o verán. As esperanzas finais xa as teñen postas no vindeiro Ano Santo, en 2021.