A familia non sempre ten que ver cos lazos de sangue. Coñecemos unha familia unida polo teatro. A protagonista da historia é Toñi, unha muller que ten o corazón dividido entre dous grupos de teatro afeccionado, Colectivo La Cuerda e Agarimo Teatro, a onde levou o seu fillo e a súa nai. Os tres comparten con outros afeccionados ao teatro moitas horas de felicidade sobre as táboas do escenario, como conta Toñi na Sala de Teatro Ártika, en Vigo, de onde saíra para percorrer tamén outros lugares de Vigo como a empresa familiar de reformas na que traballa.
O programa entra tamén na casa de Ánxela Gracián, unha escritora que cando publicou o seu primeiro libro decidiu mudar o apelido e trocalo polo nome da súa aldea. Os veciños devólvenlle este xesto de agarimo participando neste retrato familiar en que tamén vemos a Ánxela na súa biblioteca, escribindo no ordenador, co seu can Argos, lendo ao pé da fonte das Ninfelas coa súa sobriña ou andando os camiños que coñeceu de pequena.