O equipo do programa móvese esta vez entre a tradición familiar de Fania Blanco Show e unha orquestra en plena renovación xeracional: a Pontevedra.  O reporteiro Javi Rocha descobre que o cuartel xeral da Fania Blanco Show é a casa familiar de Isaías Blanco, o seu fundador. Xunto a el, traballan na orquestra 12 integrantes da mesma familia, entre eles os seus catro fillos e a súa muller, Claribel, que é a encargada das luces e da robótica.  A Patri Santana tocoulle desprazarse ata a cidade do Lérez, coa misión de descubrir se son ou non certos eses rumores que din que Ángel Barry, o histórico cantante da Pontevedra, prepara o seu relevo. De paso coñecemos as novas caras da orquestra.