“Luar” conta coa presenza da cantante Uxía, considerada a gran dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nos seus máis de 30 anos de carreira artística, renovou a música tradicional galega conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás con morna, fados e ritmos brasileiros. Ademais, acaba de gañar o Premio da Música Independente polo mellor álbum en galego. Tamén pasan polo escenario Los Tres Sudamericanos, grupo mítico da canción melódica. Este trío paraguaio, formado en 1959, xa triunfara no Cono Sur cando chegaron nos anos 60 a España, onde se asentaron e onde adquiriron unha enorme popularidade. Luar trae 'Homenaje a Mecano', un espectáculo liderado pola cantante e actriz Robin Torres. Pasaron 25 anos desde que Mecano presentou a súa última xira, “Aidalai Tour” e, dúas xeracións despois, a súa música segue moi presente entre o gran público. Para conmemorar este aniversario, nace este proxecto de tributo ao grupo máis importante do pop español.