O “Luar” deste venres convida a subir ao escenario a Miguel Bosé. O cantante interpreta “Te amaré”, “Nena” e “Estaré”. No programa presentado por Xosé R. Gayoso tamén actúa o grupo roqueiro dos anos 80 Medina Azahara. Os cordobeses chegaron a ser unha das bandas máis emblemáticas do rock andaluz grazas ao “Necesito respirar”.  Polo escenario pasan os grupos galegos Faíscas da Pontraga, a Agrupación Donaire e a Banda de Música e Gaitas do Barco de Valdeorras. Ademais, o humorista Moncho Borrajo volve facer un monólogo en directo esta noite.  Na sección “Leña á ferreña”, participan Jennifer Felpete e Margarita Varela. En “O Noso Son”, de Pablo Carpintero, o colaborador explica por que os seráns se chaman así e o motivo de que se fagan a esa hora. “Recantos” chega á final da primeira fase. Bea Bernal de Terras da Coruña, interpreta “Viva o pasodobre” e Aneu, de Ourense sur, “Só quero este amor”.