Andy y Lucas volven a Luar con novo disco. O dúo gaditano, formado hai quince anos, presentou este verán “Quiero la playa”, o primeiro avance do seu próximo álbum de estudio. E duns veteranos da escena musical española a uns acabados de chegar. O espazo da TVG tamén ofrece a actuación de Bombai, grupo valenciano que aterra cun estilo bautizado como “beach pop”. A banda deuse a coñecer con “Sólo si es contigo”. Tamén sobe ao escenario de “Luar” o coro feminino Son Elas, creado recentemente no municipio coruñés de Ames. O seu repertorio abarca pezas de compositores galegos como Luís Emilio Batallán e Emilio Rúa e adaptacións de temas dos Beatles, entre outros. A orquestra Olympus, a Panda de Verdiales, Jotrón y Lomillas e a agrupación folk Faíscas da Pontraga completan as propostas musicais de “Luar”. No concurso “Recantos”, compiten Selene Casal, representante da comarca Ourense Norte, e Natalia, procedente da Mariña.