Carmiña fixo voto de silencio, xa que, para non ter que oíla, Cosme ofreceulle mil pesetas por pasar un día calada. Coñecéndoa, todos pensan que non o vai conseguir, pero o que non se lles pasa pola cabeza é que, aínda muda, Carmiña pode argallar un plan para saír coa súa. Por razóns moito máis serias, tampouco Lupe pode dicir palabra do que lle aconteceu. A ameaza de Ramón de acusala como cómplice fará que teña que mentir e actuar contra a súa vontade. A que non conseguirá continuar coa súa mentira, a de que Óscar é só un amigo, é María. Por riba, a situación con Marcos desemboca na violencia, xusto no momento en que chega Manuel. Pero no traballo en Cárnicas Santalla, o Cabanas intentará separar o profesional do persoal. Xa hai tempo que non pode contar con Marcos, pero se cadra agora tampouco poderá contar co seu amigo Tomás.