Os afeccionados ao bo xantar de “Larpeiros” manteñen unha animada conversa no almorzo sobre as verduras. Ás veces, parece que en Galicia o único que se sabe facer con elas e cocelas e servilas cun rustrido ou salteadas. A nosa cociña con verduras non é moi variada, pero a nosa horta si.  O mestre Benigno tamén é dos que pensa que cando se cociña con verduras en Galicia pecamos de falta de imaxinación. Por iso, propón preparar verduras con salsa de améndoas e secreto de porco. Adrián vai voando ata Cerceda, na provincia da Coruña e, da man de Néstor, comproba todos os traballiños que hai que pasar para ter unhas leitugas de primeira. Desde sementar ata apañar, Adrián aprende o que custa cultivar unhas boas verduras e hortalizas. De volta na casa, a festa é completa coa Quiche de porros e gambas, coa que Merchi e Leni agasallan ao resto dos larpeiros.