Praceres moi grandes a prezos moi pequenos é o tema de conversa entre os larpeiros. En Galicia pódense comer algunhas cousas estupendas sen gastar moitos cartos, como os mexillóns, os kiwis, as patacas ou os ovos, sen esquecer o pan, un deses produtos galegos que seguramente cobizan no resto do mundo. En Galicia hai moitos tipos e faise bo pan en case calquera parte.  Benigno Campos é un gran fan do pan e de cociñar con el. Pero non só de pan viven os “Larpeiros”, e por iso propón unha receita coa que vai meter no forno algo máis: xurelos ao forno con pan de millo. O menú complétase cunha sopa fría de tomate e cun pan con berberechos.Adrián viaxa a Rodeiro, na provincia de Pontevedra. Alí, da man de Ana, aprende a preparar un dos pans con máis sona de Galicia. Ten que amasar, bolear e meter pezas no forno coma un auténtico panadeiro se quere levarlles aos seus compañeiros un pan de Rodeiro á altura da ocasión.