Nesta entrega, a Leni ocórreselle durante o almorzo un xogo para saber se os seus compañeiros coñecen ou non as froitas pequenas. O grupo pechará os ollos e probará framboesas, grosellas, moras e arandos para saber se son capaces de diferencialos e no único no que todos coinciden é en que estas froitas son deliciosas. Pódense comer soas, acompañando o iogur, empréganse para facer marmeladas e tamén como acompañamento en pratos da cociña moderna. Xa que hai un par de “larpeiros” que aínda nunca cociñaron con elas, este será o día para comezar a facelo. Benigno Campos, que as sabe todas, quere que o grupo probe algo cociñado con estas froitas e propón un xantar que non deixará a ninguén indiferente: polo con arandos.