Os Larpeiros comezan o programa falando dos sabores que máis os sorprenden. A súa amiga Nuria é unha experta en facer marmeladas de todo canto hai na horta, mesmo de grelos, e abrir logo eses botes é unha novidade moi agradable. Adrián lembrará que as conservas tamén resultan moi sorprendentes, e cada vez máis, porque se fan conservas dunha chea de cousas: desde peixes e mariscos ata cogomelos ou verzas. Falar de conservas na casa dos Larpeiros sempre trae á cabeza ideas cheas de sustancia, así que Benigno proporá cociñar un peixe sapo cunha salsa de bonito e anchoas, un prebe de inspiración italiana que do outro lado do Mediterráneo chaman tonatta. Cos ánimos arriba diante dun xantar que tanto promete, Nuria e Leni trazan grandes plans para a sobremesa: facer unha marmelada de grosellas que será o recheo dunhas riquísimas madalenas. E por se todo isto fose pouco, unhas lambetadas de limón. A cociña vai botar fume! Mentres, Adrián irá ao mercado polo camiño máis longo, coma sempre.