O programa “Larpeiros Festeiros” continúa viaxando a algunhas das festas gastronómicas máis senlleiras de Galicia para cociñar nas rúas e prazas os pratos homenaxeados. Nesta ocasión, aproveitando a XXVI Festa do Percebe do Roncudo, Benigno e Adrián visitan Corme para gozar da gastronomía, descubrir a vila e conquistar o público con cousas ricas. Na praza de Ribeira, os veciños xúntanse arredor da cociña do programa para tomar boa nota das súas receitas, contar contos, cantar e, por suposto, probar o resultado. Na súa particular homenaxe ao percebe do Roncudo, Benigno e Adrián preparan uns percebes con cachelos e uns percebes á tixola con puré. Ademais, o máis aventureiro dos “Larpeiros” acompaña unha esixente percebeira de Corme nunha dura xornada de traballo para coñecer este prezado marisco. A sobremesa vén da man dunha “Larpeira Diplomada” ben noviña e a súa avoa, que sorprenden cun biscoito de millo e chocolate.