Os “Larpeiros Festeiros” viaxan a algunhas das festas gastronómicas máis senlleiras de Galicia para cociñar nas rúas e prazas os pratos homenaxeados. Benigno amosa a súa sabedoría diante dun público que lle pode facer preguntas, dar suxestións e, porque non, botar unha man, se fose preciso. Para todo isto conta coa axuda e o bo humor de Adrián, que tamén percorre a vila en festa, descobre a súa gastronomía e coñece moitos lambonciños amigos das cousas ricas.Nesta ocasión, desprázanse á Guarda, para dar a merecida homenaxe á súa lagosta, aproveitando a 28ª Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. Benigno cociña na praza de San Benito da Guarda coa axuda de Adrián. Entre os dous preparan un salpicón e unha caldeirada de lagosta. Ademais Adrián, acompañado de Diego, aproveita para coñecer o mundo das cetarias de marisco. Tamén vemos como o pasteleiro Roi elabora a famosa rosca de xema da Guarda.