Aproveitando a 26 edición da Festa da Ameixa de Carril, o mestre Benigno e Adrián visitan esta vila para gozar das súas paisaxes, a súa gastronomía e conquistar o público con cousas ricas.Na Praza Vella, os veciños xúntanse arredor da cociña de Benigno para tomar boa nota das súas receitas, contar contos e, por suposto, probar o que se cociñe nos fogóns do programa. Na súa particular homenaxe á ameixa babosa, os “Larpeiros Festeiros” prepararán unhas ameixas con fabas e unhas ameixas á prancha. Ademais, o máis aventureiro do espazo, Adrián, acompañará o patrón da confraría nunha longa xornada de traballo para coñecer polo miúdo os segredos deste produto.Tamén haberá tempo para a visita sorpresa dunha vella amiga de Benigno e da TVG. Nesta edición, a cociñeira experta compartirá a súa receita de torta de queixo fría cos “Larpeiros Festeiros” á espera de que teña tanta aceptación coma entre os seus familiares.