Para os 'Larpeiros' sempre é un bo momento para preparar unha empanada e hoxe Merchi e o panadeiro convidado, Guillermo Moscoso, poranse mans á obra para cociñar unha de peixe espada e mexillóns. Pola súa parte, Benigno Campos proporá como prato principal uns chocos á prancha con salsa de chícharos, unha receita con ingredientes de sempre, pero cociñados dun xeito moi especial. Mentres, Adrián encargarase da sobremesa e para iso desprazarase nesta ocasión ata Bergondo, na provincia da Coruña, onde, coa axuda da man de Iria e Amalia, aprenderá a facer un xeado que está a facer as delicias dos máis lambóns.