Benigno Campos está hoxe disposto a demostrar que o porco non só presta ben nos meses máis fríos e pensa facer un xantar que leve esta carne tan apreciada por todos a outro nivel: arroz no forno con porco celta, un arroz de verduras con carne magra, que vai rematar de facer no forno e que promete ser todo un prato de festa. Para isto, Adrián, o “larpeiro” máis itinerante, irá voando ata Vilalba, onde, da man de Saúl, coñecerá uns porquiños celtas que viven coma se fosen da realeza: paseando polos montes, comendo o que lles peta e sen unha pinga de estrés. Unha vida que xa lle gustaría a máis de un. De volta na casa, a festa será completa co biscoito en branco e negro co que Merchi e Leni agasallarán os seus compañeiros.