Na primeira xuntanza deste novo club, Lola fará a súa coñecida empanada de mexillóns porque non hai festa ou romaría que se poida chamar así sen a súa empanada. Ademais, visitará a sociedade Alén Tarrío, un cociñeiro que reivindica as comidas de sempre desde os seus fogóns no Pampín de Compostela e que sabe que para sentar cátedra non hai nada como un galo de Mos ben guisado. Completará o menú unha riquísima lambetada, un tatín de mazá, e non faltarán aperitivos, contos, cantigas e pequenos segredos e trucos, deses que fan entender, unha vez máis, os motivos do éxito da gastronomía galega.