No ‘Larpeiros Social Club’ buscarán hoxe a mellor receita do mundo. De conseguir os mellores chocos encargarase Adrián. Por suposto, ir por eles a Redondela, unha visita case obrigada. Os que medran nas augas da enseada de San Simón, na ría de Vigo, son os que máis lles gustan aos ‘Larpeiros’. E como dous quilos de tirabeques dan para moito, Merchi tirará de arte e sabedoría para argallar unha crema de tirabeques con vieiras. E para acompañar o café e facer soñar os máis lambóns do club, Carla Rivadulla presentará unha desas receitas que merecen aplausos e reverencias a partes iguais: unha torta de coco e piña.