O programa “Land Rober Tunai Show” recibe esta noite a visita da actriz e presentadora Patricia Pérez, que nesta ocasión vén en calidade de escritora, xa que acaba de lanzar o seu segundo libro, “Yo sí que cocino”, continuando con esa vontade de ilustrar ao gran público sobre a importancia da alimentación na saúde. O espazo da TVG contará tamén con parte do elenco do musical para teatro “Bye Bye Honey”. César Martínez “Goldi” e Iolanda Muíños, tamén coñecidos polo seu traballo en series da TVG, estarán no estudio para falar sobre a súa obra e, como non, participar en distintos sketchs do programa xunto co elenco habitual de “Land Rober”, do que forman parte, entre outros, Eva Iglesias e Xosé A. Touriñán.