Tonhito de Poi volve esta noite a 'Land Rober Tunai Show' coa súa compañeira de viaxe en 'Destino Santiago', Lucía Pérez. Despois de 40 días de peregrinación seguida en directo polos espectadores, os artistas sentarán ante os micrófonos de 'Radio Rober' para falar da súa experiencia como protagonistas deste proxecto de televisión amodiño, que a TVG introduciu en España, de modo pioneiro.  O actor Luís Iglesia tamén estará no estudio, encarnando un personaxe que aparece nos peores pesadelos dos Gorrillas, o temible Carmelo da exitosa serie 'Matalobos', emitida pola Televisión de Galicia.  José María e José Luís serán os brancos da súa ira nun dos sketchs do programa de Roberto Vilar. Ademais, Touriñán estará acompañado polo actor e humorista Marcos Pereiro, coñecido polos espectadores como a Nucha das cantareiras de Ardebullo Os dous compartiron os últimos quince anos no mundo do teatro e o mañá estrearán en Noia a súa última obra, 'Agora en serio'.