A Televisión de Galicia emitirá esta noite un especial dedicado á orquestra París de Noia, unha das agrupacións con máis afeccionados en todos os recunchos do país. Nos 90, debido ao auxe dos pubs e dos locais nocturnos, a xente nova abandonou o costume de ir ás verbenas e as orquestras sufriron unha grave crise. A París de Noia foi pioneira en combater esta crise, mediante a renovación do repertorio, a incorporación dun escenario de grandes dimensións e o coidado nas coreografías e na posta en escena. No 2017, a París de Noia cumpre 60 anos e, aínda así, continúa máis de moda que nunca por ter redefinido o mundo das orquestras pasando do concerto ao puro espectáculo.