A Roda é un clásico da historia da música galega. Antigos membros do grupo e músicos de prestixio xúntanse neste programa para celebrar o seu 40 aniversario.  A Roda naceu no ano 1976 no barrio de Teis en Vigo, no inicio da Transición, formado por un grupo de amigos que adoitaba xuntarse para cantar nas tabernas. Desde que A Roda botou a andar, xa van 40 anos e varios premios nas súas mans e, para celebralo, os integrantes actuais xúntanse con antigos fundadores e cunha serie de amigos que non quixeron perder esta festa tan especial.  A gaiteira Susana Seivane, o actor e músico Luís Iglesia, a cantautora Sés, o músico da movida Miguel Costas e a cantante do Incio Lucía Pérez son algúns dos compañeiros que participaron nesta conmemoración.