Nunha nova entrega de ‘Hoxe con Manquiña’, o programa viaxará ata Portugal na compaña dun dos artistas máis importantes de Galicia, o virtuoso da gaita por antonomasia, o carisma, o espírito pioneiro, o transgresor dos instrumentos de vento: Carlos Núñez. Alí os espectadores poderán ver os castros de Briteiros e afondar nas tradicións e a cultura celta. De onde viñeron? Como eran? Cales eran os seus costumes? Xa en Baiona, Manquiña centrarase na figura de Carlos Núñez, coñecerá onde se formou e que mestres fixeron del o artista que é hoxe. Por se fose pouco, o programa contará coa intervención de toda unha estrela mundial: Alan Stivell, o creador do rock celta, que interpretará xunto a Carlos Núñez unha melodía celta.